CRTVG

Buscar

Vigo mira con preocupación a investigación sobre a fusión entre PSA e FIAT

Publicado o 19/06/2020 08:07

As condicións que Bruxelas poida impoñer á fusión de PSA e FIAT preocupan en Vigo, xa que se investiga o sector das furgonetas, do que depende máis da metade da produción da factoría galega. A Comisión dará o seu veredicto en noventa días.

Vigo está alerta pola investigación que abriu a Dirección Xeral de Competencia porque afecta especialmente á súa produción. En Bruxelas sospeitan que a fusión de PSA e FIAT podería supor o dominio desta alianza no mercado dos vehículos comerciais lixeiros de menos de tres toneladas e media, as furgonetas. E xusto ese é o segmento en que a planta de Balaídos destaca dentro do grupo PSA, pois representa máis do cincuenta por cento da produción da factoría.

Dese xeito, a empresa chama á tranquilidade pero os sindicatos temen que se opte por desinvestir, reducir capacidades ou restrinxir o acceso a algunhas marcas, é dicir, que poida haber recortes. Na fábrica viguesa este tipo de vehículos permiten o mantemento de catro quendas de traballo cunha previsión de máis de dous millóns de unidades ata 2028.

Noticias web

19/06/2020