CRTVG

Buscar

Furgonetas camufladas da Garda Civil circulan polas estradas para vixiar as distraccións ao volante

Publicado o 22/06/2020 15:16

A idea de usar furgonetas camufladas xurdiu aquí, no sector de Tráfico de Galicia, probouse con éxito hai dous anos e agora estase a estender ao resto do estado. A función principal destes vehículos é perseguir as distraccións dos condutores, fundamentalmente as que provocan os navegadores e os teléfonos móbiles. Precisamente, a altura das furgonetas permítelles ter visibilidade do que van facendo os condutores, mesmo se teñen o teléfono nas pernas. Non son fáciles de identificar porque teñen diferentes cores e modelos e usan matrícula ordinaria. Os axentes que os ocupan si van uniformados e activan os dispositivos luminosos en caso de ter que facer unha intervención. 

O navegador, a radio, o teléfono..., detrás de cada distracción pode haber un accidente. E para multar os infractores, nada mellor que unha furgoneta que permita divisar desde a altura se o condutor está ao que ten que estar.

Os axentes van uniformados e avisan con dispositivos luminosos se detectan infraccións. Polo demais, nada permite identificar estas furgonetas camufladas, que rotan polas provincias e teñen matrícula ordinaria. 

Cando adiantan ou son adiantados, poden ver con claridade como algúns condutores, máis alá de falar polo móbil, dedícanse a mandar wattsapps ou escribir correos. Son imprudencias cada vez máis comúns, e teñen un prezo.

Así que, xa saben, poñan todos os sentidos na estrada, porque alguén podería estar vixiando e porque o móbil é xa a principal causa de accidentes de tráfico en España.

 

 

Noticias web

22/06/2020