CRTVG

Buscar

As autoridades dos EUA advirten do risco mortal e condicións devastadoras do furacán Dorian

Publicado o 02/09/2019 09:09

O Dorian chega ás Bahamas convertido no furacán máis forte que azoutou o arquipélago, tras subir nas últimas horas á categoría cinco, a máxima na escala Saffir-Simpson.

Os meteorólogos anuncian condicións devastadoras e falan de risco mortal, en especial sobre as illas Ábaco e en Gran Bahama, onde vaticinan que poida estar ata 36 horas.

Con vento de 285 quilómetros por hora, prevese que eleve os niveis do mar sete metros e que golpee a costa con ondas grandes e destrutivas. Tamén se esperan inundacións pola chuvia.
O martes Dorian podería estar sobre a costa sueste dos Estados Unidos, que se prognostica que percorra perdendo paulatinamente algo de forza.

Trump subliñaba que probablemente sexa un dos peores furacáns.

Aínda que parece afastarse o risco de que bata de cheo contra A Florida, ordenouse a evacuación de 215.000 persoas. As dúas Carolinas e doce condados de Xeorxia tamén declararon o estado de urxencia.

Noticias web

02/09/2019