CRTVG

Buscar

Fronte social contra o peche da central das Pontes

Publicado o 30/09/2019 21:10

Transportistas, traballadores das compañías auxiliares que prestan servizos na central e representantes políticos das comarcas de Ferrol, O Eume e Ortegal suman esforzos para esixir unha resposta por parte do Goberno central á situación pola que atravesa a central de Endesa. Este mediodía os alcaldes do norte da provincia da Coruña e tamén da Terra Chá e a Mariña Luguesa reuníronse no concello de Ferrol para empezar a traballar nunha alternativa de reactivación industrial para estas zonas.

Entrementres mantéñense as convocatorias de mobilizacións para os próximos días. Mañá, caravana de camións ata A Coruña e o mércores, reunión en Madrid coa ministra de Transición Enerxética. Todas elas citas previas á xornada de folga xeral convocada para o 16 de outubro.

Berro de auxilio por parte dunhas comarcas que teñen en risco a continuidade de milleiros de postos de traballo. Os alcaldes de Ferrolterra, Eume, Ortegal, A Terra Chá e A Mariña luguesa reclaman do Goberno unha alternativa de reactivación industrial para estas zonas especialmente castigadas pola situación do mercado eléctrico e polas medidas de transición enerxética.

Para o Partido Popular toda esta situación responde a unha segunda reconversión que o Goberno aplica a esta zona de Galicia. Por iso piden a convocatoria dun pleno extraordinario que sirva para reactivar a central de Endesa.

Mentres, os colectivos afectados comezan a notar os efectos da inactividade da central. Entre os transportistas hai xa arredor de 30 despedimentos á marxe das perdas económicas que cifran arredor de dous millóns de euros mensuais. Por iso, manteñen o calendario de mobilizacións coa vista posta na folga xeral prevista para o 16 de outubro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/09/2019