CRTVG

Buscar

Fronte ao sol: crema, pucho, lentes e evitar as horas centrais

Publicado o 12/05/2019 20:00

Os dermatólogos recordan que non debemos expoñernos ao sol sen protección. É unha recomendación que coñecemos con seguridade por reiterada, pero sobre a que volve facerse énfase despois de que circulara a teoría contraria.

Unha revista de moda e tendencias coñecida difundiu a idea de que conviña tomar o sol sen protección cinco ou dez minutos para captar mellor a vitamina C. Os profesionais da medicina alertan do perigo de afirmacións coma esta.

"Aínda con crema, recibimos suficiente sol para o que son as necesidades da pel, de vitamina D, ou sexa que realmente non sería necesario facer nada especial. Creo que o sentido común é o mellor", explica o dermatólogo Ignacio García Doval.

O doutor García Doval desmente, porén, que sexa imprescindible botar a crema un tempo antes de expoñerse ao sol.

"Antes dicíase que era moi importante deixar un tempo entre a aplicación da crema e que empezase a facer efecto, pero vese que realmente non ten moita importancia; entón é unha cousa de comodidade, o que sexa máis cómodo", sostén.

O dermatólogo subliña que o fundamental é non queimarse e recomenda que non nos deitemos na praia coa intención de poñernos morenos entre as doce e as cinco da tarde.

"A pel só vai coller cor cando se dana, é dicir, se non producimos un dano solar, a pel non colle cor. Entón, se a intención é poñerse moreno, inevitablemente imos estar causando un dano", alerta.

O especialista recorda que as cremas son unha parte da protección, pero que aínda é máis importante a roupa. Insiste en que ao sol, hai que poñer sombreiro e lentes, e cubrir o corpo o máis posible cando pega forte.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/05/2019