CRTVG

Buscar

Francisco Rodríguez: "O máis destacable dos anos que sufrín esta persecución foi o apoio e aprecio da inmensa maioría dos cidadáns de Ourense"

Publicado o 29/11/2019 11:38
Francisco Rodríguez: "O máis destacable dos anos que sufrín esta persecución foi o apoio e aprecio da inmensa maioría dos cidadáns de Ourense"

Despois do arquivamento de dúas causas contra Francisco Rodriguez, que fixeron que dimitira da alcaldía, o ex-alcalde socialista de Ourense fala para a CRTVG. 

Francisco Rodríguez asegura que o seu goberno de coalición lexítimo e honesto recibiu acusacións nunca vistas e para as que non había razón. Din que nin o alcalde nin os concelleiros foron condenados, polo que asegura que foi unha persecución que respondía a intereses diversos, pero que tiveron unha transcendencia importante para os imputados e a cidade de Ourense. 

Di que o seu era un goberno que non satisfacía a todos porque tiña un xeito distinto de gobernar, co único obxectivo de ter un proxecto para a cidade de Ourense, que quedou truncado, polo que a cidade se estancou. 

Rodríguez asegura que nese momento o partido ao que pertencía non estivo á altura das circunstancias.

"Aínda que non pertenza ao PSdeG, sigo tendo as miñas conviccións profundas e lamento as actitude dos actuais gobernantes, que no único que pensan é en facerse co poder, dun xeito que non é o máis legal, senón como se fixo noutros casos, pola porta de atrás". 

Asegura que na política orgánica dos partidos predominan máis "os obxectivos ambiciosos, aínda que lexítimos, no persoal, pero deberían pensar que o partido é unha ferramenta ao servizo da sociedade, cousa que se esquece con moita frecuencia". 

"Houbo apoio de moitos compañeiros, pero o maior apoio, o maior cariño, o maior aprecio que recibín foi da inmesa maioría dos cidadáns de Ourense, que onde me atopen sempre hai unha aperta emocionada, intensa, que é o máis destacable dos anos en que sufrín esta persecución".

Neste momento descarta volver á política dende o seu posto de docente.

As consecuencias di que non só foron persoais, dende o punto de vista da saúde e da familia, pero que lle produciu moita dor a imputación dos compañeiros e compañeiras de goberno dos que eu tiña a total e absoluta convicción de que eran xente honesta, que traballaban intensamente polo ben dos cidadáns e como consecuencia desas imputacións foron caendo pouco a pouco.

O ex-alcade de Ourense non ve de recibo que a xustiza tarde 8 anos en facer unha instrución, "e a xuíza Pilar de Lara non fixo as cousas ben, polo que di a Audiencia Nacional e a sanción que lle foi imposta supón que é consecuencia dunha análise rigorosa da súa actuación, polo que esta maxistrada debería estar retirada deste proceso, á espera de que lle esixan a marcha, como decidiu a Audiencia Nacional no seu momento". 

En setembro de 2012 iniciábase a operación Pokemon, en que Francisco Rodríguez estivo detido xunto con outras nove persoas, por orde da xuíza Pilar de Lara. Pasou dous días detido, incomunicado e tivo que pagar unha multa de 6.000 euros. Acusábano de ceder unha parcela a Copasa, pola que a empresa lle pagara unha viaxe ao Brasil.

En novembro de 2016 quedou arquivada esta causa. Abríuselle outra fronte xudicial, un caso de contratacións a dedo, o chamado caso das asistencias técnicas, polo que foi condenado a 7 anos de inhabilitación, pero hai un mes, o 25 de outubro de 2019, a Audiencia de Ourense absolveu a Francisco Rodríguez e tres concelleiros máis.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí