CRTVG

Buscar

Francisco Jorquera: "Nós imos estar na oposición, desde aí tamén se pode traballar polo ben da cidade"

Publicado o 19/06/2019 10:47

O líder do BNG no concello da Coruña, Francisco Jorquera, explicou nunha entrevista no Bos días a aposta da súa formación por manterse na oposición a pesar de apoiar a investidura da candidata socialista á alcaldía Inés Rey.

"A cidadanía mandounos á oposición, así o entendemos. Somos dous concelleiros, nunha cámara de 27. Ademais, o BNG non suma co PSdeG, polo tanto imos estar na oposición, cremos que desde aí tamén se pode traballar polo ben da cidade", explicou Jorquera, "con vontade construtiva, colaborativa, para pactar os grandes retos da cidade".

Desde ese punto de partida, o voceiro nacionalista no consistorio coruñés dixo que "o que queremos estar é na negociación en todas as cuestións que afectan o futuro da cidade, pactando políticas que sexan transformadoras. Creo que é perfectamente convinable iso con estar na oposición".

Un deses temas, por exemplo, son os usos dos terreos do porto, do que Jorquera afirmou que "creo que é unha demanda social compartida pola inmensa maioría dos coruñeses e coruñesas. Queremos un porto interior produtivo, pero os outros terreos teñen que ser de uso público e preservar esa titularidade pública".

Francisco Jorquera tamén reflexionou sobre o panórama político a nivel autonómico, vinculada a esa relación que vai ter desde a oposición co goberno de Inés Rey. "O primeiro ano de mandato marca tono, prioridades dos 4 anos", dixo, e valorouno indo máis alá do concello da Coruña porque nestes momentos "dos resultados das últimas eleccións podemos extraer a conclusión de que o PP está en retroceso no país, é posible que perda a maioría absoluta nas autonómicas, e que haxa unha maioría de forzas progresistas". Por iso é tan importante que esas forzas "traballen na dirección apropiada, para consolidar esa expectativa", concluíu.

En canto á crise de en Marea, preferiu manter distancia. "Son repectuoso coas dinámicas doutras formacións", asegurou, "pero, afortunamente, hai outras alternativas, como a do BNG", e tendeu a man a abrir a porta da súa formación a "aqueles que aposten por un proxecto nacionalista de país". Nese sentido, sinalou, "Ana Pontón xa o dixo claramente".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/06/2019