Francisco Conde advirte a Alcoa: se presenta un ERE, a Xunta irá á vía xudicial
O Goberno convocou para esta tarde unha reunión de urxencia coa Xunta de Galicia e o comité de empresa de Alcoa para intentar buscarlle unha saída á factoría de San Cibrao. Os traballadores agardan unha solución que garanta a viabilidade da produción, e dende o Goberno galego advirten que responderán pola vía xudicial se Alcoa presenta o ERE.
Levan catro meses mobilizándose para evitar o peche da factoría, e tres días en folga para demandar unha solución inmediata. Por iso os traballadores de Alcoa San Cibrao teñen todas as esperanzas postas na reunión da mesa sectorial desta tarde, convocada de xeito urxente polo secretario xeral de Industria. O comité aposta por intervir a fábrica.
José Antonio Zan, presidente do comité de empresa de Alcoa, entende que as administracións "teñen que obrigar a Alcoa a sentar negociar e buscar unha solución, ou se non quere facelo, intervila directamente e darlle viabilidade ao aluminio deste país".
A multinacional rexeitou unha operación a través da SEPI e tamén a venda ao grupo Liberty House, que acaba de presentar o maior plan renovable da industria electrointensiva española. As administracións ven mala fe na estratexia de Alcoa, e os traballadores advirten que xa iniciou un proceso de despedimento colectivo.
Xosé Paleo, da CIG, lembra que "o día 13 remata o prazo para que presente o ERE, se non hai solución quererá parar as cubas". E Diego Ballesteros, da UXT, considera que "non pode ser que habendo dous compradore se pretenda botar á rúa mil persoas".
E dende a Xunta de Galicia advirten, se Alcoa persiste no ERE, haberá unha resposta coordinada. Francisco Conde, vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía, advirte que "se houbera unha decisión de Alcoa de presentar un ERE respostaremos pola vía xudicial para defender os postos de traballo".
O Ministerio de Industria tamén analiza se Alcoa cumpre os requisitos para recibir os nove millóns de euros de axudas que lle corresponderían para compensar a compra de emisións.