CRTVG

Buscar

Francia volverá á clase con máscara obrigatoria a partir dos 11 anos

Publicado o 26/08/2020 17:43
Francia volverá á clase con máscara obrigatoria a partir dos 11 anos

O avance da pandemia en Francia non cambiou o calendario escolar: os 12,3 millóns de alumnos franceses iniciarán este próximo 1 de setembro un curso onde a máscara será obrigatoria para todos os maiores de 11 anos e que conta xa cun protocolo adaptado a posibles novas restricións.

"A escola non será unha variable de axuste á crise sanitaria. Por iso non quixen aprazar o regreso ás aulas. Imos aproveitar os beneficios da experiencia de maio e xuño", indicou nunha conferencia de prensa o ministro francés de Educación, Jean-Michel Blanquer.

Non haberá, polo tanto, unha volta gradual, pero si un regreso no que todos os adultos deberán levar máscaras, incluídos os profesores dos niveis infantís, que ata o de agora estaban exentos desa obrigación.

O protocolo aposta polas garantías sanitarias básicas, como un lavado frecuente das mans e a limpeza e ventilación das aulas e espazos comúns. Aínda que deberán tratar de respectar a distancia física, non será obrigatoria cando non sexa posible mantela ou se é un obstáculo para acoller a todos os alumnos dunha clase.

A máscara, tal e como sostivo hoxe o primeiro ministro, Jean Castex, non será distribuída de forma gratuíta, aínda que departamentos como o de Essonne ou o de Sena-Saint Denis rebeláronse contra esa controvertida decisión estatal e ofrecerán algúns exemplares lavables aos seus estudantes.

En caso de que se produzan confinamentos localizados ou peches puntuais dunha clase o sistema está preparado para manter a educación con leccións virtuais, das que xa hai centos de horas preparadas, e ofrecerase apoio extraescolar, con ata tres horas semanais de axuda se o estudante o solicita.

O Goberno francés admite que é un curso particular debido á crise sanitaria, pero non quere que quede marcado pola resposta á pandemia. Por iso, asegura que non cambiou a prioridade de elevar o nivel das novas xeracións e reducir as desigualdades.  O protocolo foi fixado en xullo, pero as autoridades sosteñen que non está desfasado, porque a folla de ruta ontempla novas medidas en caso dunha circulación máis activa do virus, aínda que non as fixeron públicas de momento porque a situación epidémica non o require.

Francia rexistra actualmente unha media de 3.000 contaxios diarios, fronte aos 1.000 de hai semanas, e ten 352 focos activos. Pero o Goberno non quere que esas cifras afecten o sector educativo: "A escola empezará, debe renovarse e farao o 1 de setembro para todos os alumnos", dixo Blanque, co desexo de que ese regreso se produza "coa maior normalidade posible".

As garantías coas que o Executivo presenta esa volta, con todo, non convencen do todo os sindicatos de docentes, que consideran que aínda quedan "numerosos ángulos mortos", como no caso dos comedores, para os que non existen normas, senón recomendacións. O Goberno manterá con eles unha reunión este xoves para acabar de despexar dúbidas.

De cara ao 1 de setembro, con todo, pide tamén a colaboración "esencial" dos pais, aos que lles sinala que non envíen aos seus fillos á escola no caso de que teñan febre ou posibles síntomas da covid-19 no neno ou na familia.

 

Noticias web

26/08/2020