CRTVG

Buscar

Francia supera a barreira dos 100.000 mortos polo coronavirus

Publicado o 15/04/2021 19:18
Francia supera a barreira dos 100.000 mortos polo coronavirus

Francia superou este xoves a barreira dos 100.000 falecementos polo coronavirus tras sumar 300 mortes nas últimas 24 horas, anunciaron as autoridades sanitarias, que contabilizaron -desde o 1 de marzo de 2020- 100.077 vítimas mortais.

O país, inmerso nunha terceira onda da pandemia e con restricións sanitarias aplicadas en todo o territorio, ten ademais 5.924 pacientes ingresados en coidados intensivos, con 501 novas admisións no último día. A pesar dos malos datos, o presidente, Emmanuel Macron, reuniu este xoves o Executivo para examinar varias opcións para a reapertura do país a partir de mediados de maio, unha forma de mostrar aos franceses unha luz ao final do túnel.

En total, 30.668 permanecen hospitalizados no país e nas últimas 24 horas houbo 2.062 admisións, que coas altas resulta en 200 pacientes menos que o mércores. Coa aceleración da campaña de vacinación nas últimas semanas, que permitiu que 16,2 millóns de persoas recibiran polo menos unha dose e 4,2 millóns as dúas, o Executivo confía en protexer a poboación máis fráxil e frear o impacto desta terceira onda.

Desde finais de outubro, bares, restaurantes, cafés, cinemas, museos, teatros, ximnasios e outros centros de encontro permanecen pechados, e ao confinamento do último trimestre de 2020 seguiulle un toque de queda ás seis da tarde que en marzo pasou ás sete da tarde. Con todo, os datos da onda que atravesa o país na actualidade son peores que os da segunda, cando o pico de enfermos en UCI se situou en 4.900, ás portas da saturación. Con 5.000 camas en tempos normais, os hospitais franceses atópanse ocupados por encima da súa capacidade, aínda que o Goberno insiste en que aínda non se alcanzou o pico desta terceira onda. 

Noticias web

15/04/2021