CRTVG

Buscar

Francia reforza a seguridade para as eleccións tras o atentado nos Campos Elíseos

Publicado o 21/04/2017 14:09

O terrorista era coñecido pola policía. En 2005 fora condenado a quince anos de cárcere por tentar matar un axente. Quedara en liberdade hai dous anos

Todas as alarmas saltaron de novo no corazón de París. Eran arredor das nove da tarde cando, segundo as testemuñas, un home aparcou o seu coche a carón dun furgón da policía, baixou del armado cun fusil Kalashnikov e comezou a disparar. 

Un dos policías morreu, outros dous quedaron feridos de gravidade, e unha turista ferida leve. Pouuco despois o autor dos disparos era abatido por outros axentes presentes no lugar. 

As forzas de seguridade despregáronse rapidamente polos Campos Elisios para desaloxar a zona por temor a que tivese cómplices ou houbese algunha bomba.

O atentado reivindicouno de inmediato o autodenominado Estado Islámico que, en contra do que adoita  ser habitual, revelou a identidade do terrorista, Abu Youssef, alcumado 'o Belga'. 
O presidente Hollande dixo estar seguro de que se trataba dun acto terrorista e o fiscal da república confirmaba pouco despois que xa se coñecía e se verificara a identidade do terrorista.

Trataríase deste cidadán francés, dun 40 anos, condenado a quince anos por tentar matar un axente pero en liberdade desde comezos do 2015. 

As forzas de seguridade francesas alertaron as autoridades belgas doutro posible sospeitoso no seu territorio. O home en cuestión entregouse volutariamente nunha comisaría da policía de Anveres.
O primeiro ministro francés, Bernard Cazeneuve, dixo esta mañá que habería un reforzamento da seguridade en Francia pero reiterou que o terrorismo era unha ameaza para toda Europa.

Á espera de que avance a investigación, as rúas dos Campos Elisios recuperaban esta mañá a normalidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/04/2017