CRTVG

Buscar

Francia recomenda "encarecidamente" non viaxar a Cataluña

Publicado o 24/07/2020 16:55

O medo a importar máis casos de covid-19 prende en Francia, sobre todo polas novas que chegan do outro lado dos Pireneos. O primeiro ministro fala de indicadores sanitarios degradados en Cataluña e por iso "recomendamos vivamente aos cidadáns franceses que eviten desprazarse alí mentres non mellore a situación sanitaria nese territorio"

A nova é outro pau para Cataluña, onde os franceses representaron o ano pasado o 20% do turismo foráneo.

De momento, o goberno de Emmanuel Macron non prevé o peche da fronteira, aínda que si está en contacto coas autoridades españolas para que intenten limitar o máximo posible o fluxo en sentido contrario.

Francia reacciona así despois de rexistrar máis de 1.000 novos contaxios nas últimas 24 horas. Foi tamén o primeiro día desde o desconfinamento en que non diminuíron os ingresos nas UCI.

Tamén Noruega recomenda non visitar o noso país. Ademais, desde este venres, calquera español que viaxe ao país escandinavo terá que gardar unha corentena obrigatoria de dez días.

Por outra banda, o Goberno de Bélxica ampliou este venres a súa recomendación de corentena a turistas que volvan das comunidades autónomas españolas de Aragón, Cataluña, Estremadura, A Rioxa e País Vasco, segundo a súa lista actualizada de recomendacións de viaxe por mor da pandemia de coronavirus.

O Ministerio de Exteriores belga sinalou na lista que estas provincias están na lista 'laranxa', o que implica que se recomenda que os turistas se realicen probas, de carácter voluntario, ao seu regreso, á vez que cita como recomendable que entren en corentena.

Xunto con isto, incluíu na súa lista 'vermella' ás provincias de Huesca e Lleida, o que implica que os turistas que visiten estas zonas terán que entrar en corentena obrigatoria e someterse a probas ao seu regreso a territorio belga.

Fontes do Ministerio afirmaron o 8 de xullo que traballa cun sistema de semáforos para explicar a situación nos distintos países da zona Schengen, pero basea a escala de cores nas formalidades ou obrigacións que impón o país de destino e non na súa situación epidemiolóxica.

Noticias web

24/07/2020