CRTVG

Buscar

Francia pecha os bares e restaurantes das grandes cidades a partir das 10 da noite

Publicado o 23/09/2020 22:10

O Goberno francés anunciou este mércores novas restricións nunha decena de cidades, como o peche de bares e restaurantes ás 22.00, limitación das grandes aglomeracións a 1.000 persoas e das reunións públicas a dez, mentres que en Marsella e Guadalupe (Antillas) a forte circulación do virus obriga a unha clausura total dos bares.

Ante a degradación da situación sanitaria, o Goberno dividiu as zonas de maior circulación do virus en tres: alerta vermella, alerta reforzada e alerta máxima. Case todas as grandes cidades do país foron postas en alerta vermella reforzada por presentar unha taxa de incidencia superior a 100 casos positivos por cada 100.000 habitantes, entre elas París, Bordeus, Toulouse, Lille, Saint-Étienne, Rennes, Rouen, Grenoble e Montpellier, segundo indicou o ministro de Sanidade, Olivier Véran, nunha conferencia de prensa.

Nelas, as grandes reunións de público estarán limitadas a 1.000 persoas, fronte ás 5.000 permitidas ata o de agora, o que no caso de París afecta principalmente o torneo de tenis de Roland Garros, que comeza este domingo. Ademais, quedan prohibidas as festas locais e estudantís, así como a reunións de máis de dez persoas en espazos públicos, ao que se suma o peche anticipado de bares a partir do próximo luns, que será fixado polo goberno local e a prefectura pero que en ningún caso poderá superar as dez da noite.

Véran pediu ademais que se favoreza o teletraballo sempre que sexa posible, especialmente para as persoas máis fráxiles. Só dous territorios, Marsella e Guadalupe, foron postos en alerta máxima, unha clasificación que se aplicará cando a taxa de incidencia sexa superior a 250 persoas entre a poboación global ao 100 no caso dos maiores, ou ben cando o 30 % das camas das UCI estean ocupadas por pacientes da covid-19.

Nestas zonas, ás medidas anteriormente citadas engádese o peche total de bares e restaurantes a partir do próximo luns, así como de todo establecemento que acolla público salvo os que teñan protocolos sanitarios estritos xa activados, como teatros, museos e cinemas, que non se verán afectados.

O ministro insistiu en que estas medidas aplicaranse en principio durante dúas semanas, o tempo calculado para lograr frear o avance do virus e impedir a saturación do sistema hospitalario en outubro e novembro. Ademais das grandes urbes, 69 dos 101 departamentos do país están en alerta vermella, activada cando o nivel de incidencia supera os 50 casos por cada 100.000 habitantes, nos que os prefectos deberán tomar medidas particulares para evitar a circulación do coronavirus.

O Goberno segue preconizando o respecto ás medidas de seguridade, como distancia física, uso de máscaras e limpeza de mans, e insiste aos cidadáns en que reduzan o seu círculo social e as saídas que non sexan necesarias. "Se non tomamos medidas con rapidez, arriscámonos a atoparnos nunha situación crítica nas rexións máis afectadas nun par de semanas", alertou Véran, que destacou en particular a presión á que están sometidos xa os hospitais da rexión parisiense.

Cunha taxa de tests positivos do 6,2 % e 783 ingresos suplementarios en hospitais nun día, 130 deles en unidades de coidados intensivos, Francia empeza a notar un repunte dos casos graves do coronavirus, con preto de 1.000 pacientes nas ucis do país (no pico da epidemia, en abril, chegaron a ser 7.000).

Este martes notificáronse 13.072 novos contagios (481.141 desde o inicio da epidemia)e 43 mortes suplementarias, co que o total de falecidos ascende a 31.459 desde o 1 de marzo, e 70 focos de contaxio máis. 

Noticias web

23/09/2020