CRTVG

Buscar

Francia pecha comercios e limita desprazamentos a un terzo da súa poboación

Publicado o 18/03/2021 19:41
Francia pecha comercios e limita desprazamentos a un terzo da súa poboación

Fronte ao avance "preocupante" da covid en Francia, impulsado pola cepa británica, o primeiro ministro francés, Jean Castex, anunciou un confinamento suave dun mes nos 16 departamentos máis afectados, incluída a capital, que acollen a 23 millóns de franceses, un terzo da súa poboación. 

Ao tempo, o Goberno galo mantén a súa confianza na vacina para superar a crise e, tras a opinión favorable da Axencia Europea do Medicamento (EMA), sinalou que a partir de mañá renovarase a inxección de AstraZeneca, suspendida desde o pasado luns. 

O Executivo identificou as zonas máis afectadas, onde impón un peche perimetral: trátase da rexión de París, a de Hauts de France, no norte, os Alpes Marítimos, na costa Mediterránea, e a Seine Maritime e o Eure, no noroeste. 

Convencidos de que o virus se contaxia menos en espazos abertos, o Executivo aposta a partir deste fin de semana por permitir neses departamentos as saídas dos cidadáns a parques e zonas despexadas nun radio de 10 quilómetros, pero buscará reducir ao máximo as reunións en lugares pechados. 

Para favorecer as saídas ao aire libre, que o Executivo considera esenciais para manter o equilibrio psicolóxico da poboación, o primeiro ministro anunciou que o inicio do toque de queda atrasarase en todo o país unha hora, ata as 19.00. 

Francia, que mantén pechados os bares, restaurantes e locais de lecer, igual que teatros, museos e cinemas, desde finais de outubro pasado, estende a medida neses 16 departamentos a todos os comercios non esenciais. 

En total, 110.000 establecementos estarán pechados nas zonas afectadas, aínda que coa novidade de que librarías e tendas de discos poderán seguir abertas. Tamén se reducirá á metade o alumnado dos institutos, aínda que as escolas seguirán funcionando con normalidade, indicou Castex, quen evitou ao máximo pronunciar a palabra "confinamento". 

O primeiro ministro lanzou un enésimo chamamento a xeneralizar o teletraballo, para reducir os contaxios nas empresas, que representan o 29 % do total.  Con todo, o xefe do Goberno recoñeceu que as medidas adoptadas ata agora non lograron dobregar o avance da pandemia, que atenaza o sistema hospitalario, pero alertou tamén das consecuencias dun confinamento severo, como os adoptados en marzo e novembro de 2020. 
 

Noticias web

18/03/2021