Unha nova vaga de coronavirus avanza en Europa mentres España resiste
• A incidencia de casos aumenta un 34 % en tres semanas coas novas variantes | Francia, Italia e Alemaña toman medidas drásticas
• Sanidade pide prudencia para evitar unha embestida do virus en Semana Santa
Francia iniciou este sábado o seu terceiro confinamento. Afecta dezaseis departamentos, incluída a rexión de París. Máis de vinte milóns de cidadáns teñen limitados os movementos a un radio de dez quilómetros arredor do domicilio. Só está aberto o comercio esencial, no que esta vez se incluíron librerías, tendas de discos ou florerías.
Polonia tamén pechou hoxe ata o 9 de abril hoteis, cines, teatros, instalacións deportivas e fixo un chamamento para que a poboación quede na casa e limite as actividades ao mínimo.
En Italia, unha decena de rexións, que suman corenta millóns de habitantes, levan xa desde o luns confinadas. A xente só pode saír por razóns de saúde, traballo ou para facer deporte e están pechados os negocios non esenciais.
É probable que Alemaña dea tamén marcha atrás na súa desescalada a partir do luns. Os médicos de urxencias do país din que non facelo sería unha irresponsabilidade.
E todo isto para frear o incremento de contaxios, continuo nas cifras do conxunto de Europa desde hai tres semanas, segundo os expertos en boa medida da man das novas variantes.
A situación non freou, porén, as protestas en varias cidades europeas contra as restricións, contra as vacinas ou de negacionistas. Protestas, que nalgúns casos, como esta en Alemaña, acabaron con disturbios.