CRTVG

Buscar

Fracasa a xuntanza entre Sánchez e Iglesias

Publicado o 25/06/2019 22:23

• Podemos non descarta rexeitar a investidura

• Sánchez convocará o debate de investidura en xullo aínda que non teña os apoios garantidos | O PSOE pide a abstención de PP e C's

O acordo de goberno entre o PSOE e Unidas Podemos está no aire. Pablo Iglesias ameaza con votar en contra na investidura, se os socialistas non aceptan un goberno de coalición con ministros de Podemos. Así llo trasmitiu esta tarde a Pedro Sánchez na xuntanza que mantiveron na Moncloa. Sánchez mantén o pulso e asegura que irá á investidura con ou sen os votos de Podemos.

Foi unha xuntanza sen cámaras, que o equipo de Pedro Sánchez definiu como curta e cordial. Pero sen avances. Segundo o PSOE, Sánchez reiteroulle a Iglesias a oferta dun Goberno de cooperación, e incorporou a novidade de facer unha comisión de seguimento do posible acordo de gobernabilidade. Pero a resposta, di o PSOE, foi negativa. Segundo os socialistas, Pablo Iglesias mantivo a súa esixencia de facer un goberno de coalición, e advertiulle a Sánchez que votaría en contra da súa investidura se non o logra.

A impresión foi negativa tamén para Unidos Podemos. O equipo de Pablo Igleias di que saíron da xuntanza sen ter claro que o PSOE quere pactar con eles ou prefire facelo con PP e Ciudadanos. E pídenlle a Sánchez que diga claramente se aposta por un goberno estable e de esquerdas.

Foi a cuarta xuntanza entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, que non conseguiu levantar o bloqueo. Así e todo, e sen fixar aínda data concreta, Pedro Sánchez asegura está disposto a ir á investidura con ou sen o apoio de Podemos.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/06/2019