CRTVG

Buscar

Xeadas e temperaturas baixo cero en gran parte de Galicia

Publicado o 04/01/2019 15:21

• En Verín está activado un aviso amarelo para esta noite

O tempo solleiro convida a dar paseos e ao terraceo

• Vaga de frío polar no sur de Europa

Esas xeadas son as que marcan meteoroloxicamente estes primeiros días do ano. De feito, esta noite hai aviso amarelo no sur de Ourense por temperaturas baixas. Para as cabalgatas, os Reis teñen o tempo seco asegurado. Pero non se fíen do sol co que van empezar os desfiles. Ao solpor, os termómetros derrubaranse.

Sen ser o sur de Ourense, a comarca de Ordes amenceu branca e a propia vila non pasaba dos cero graos ás dez e media da mañá e, a diferenza con outros lugares dos arredores, podía chegar aos cinco graos negativos.

Con todo, aquí a veciñanza está afeita ao frío, que non interrompe a rutina cotiá e só implica máis abrigo e, en todo caso, máis gasto de calefacción.

Ourense capital non leva a peor parte do frío que lle toca á provincia, que para esta noite ten un aviso amarelo no sur por terras de Celanova, Verín, Allariz, Limia e Baixa Limia. Este aviso actívase cando as temperaturas caen por baixo dos menos cinco graos, aínda que xa nalgunha zona levan días con estas medicións.

Lugo tamén está a ter lugares con menos cinco graos pero o peor é a mera mesta que non acaba de levantar e non deixa que as temperaturas suban máis aló dun ou dous graos e fai que as capas de xeo non se desfagan nin no agro nin nas estradas. De feito a máxima en toda a provincia foi de 8 graos.

As cabalgatas de Reis teñen tempo seco asegurado en todo Galicia para a tarde noite do sábado, aínda que a comitiva vaia ben abrigada polas xeadas. Á súa chegada lucirá o sol pero, en canto este marche, as temperaturas van descender.

Tranquilidade porque o frío nunca arredrou os Reis Magos que veñen de Oriente, pero han chegar desde as Rías Baixas ata os cumes dos Ancares e desde a Costa da Morte ata Cabeza de Manzaneda.













 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/01/2019