CRTVG

Buscar

Forn recoñece que o referendo non foi válido porque incumpriu a propia lei de convocatoria do Parlament

Publicado o 14/02/2019 18:35
Forn recoñece que o referendo non foi válido porque incumpriu a propia lei de convocatoria do Parlament

O ex-conselleiro catalán de Interior Joaquim Forn defendeu este xoves no xuízo polo 'procés' independentista que desde o seu cargo na Generalitat era compatible impulsar un referendo e á vez non dar ningunha instrución aos Mossos d'Esquadra, cuxa xestión depende da Consellería, para que desta maneira a Policía Autonómica catalá puidesen cumprir o mandato xudicial que ordenaba impedir a votación do 1 de outubro de 2017.

Forn, que viste traxe e gravata e leva na lapela a insignia da Generalitat e de cando en vez fixo uso das súas lentes para apoiar a súa alegación en documentos, foi o segundo dos acusados en ser interrogado. Comezou a súa declaración sobre as 13.00 horas deste xoves, e despois da do exvicepresidente da Generalitat, Oriol Junqueras.

A diferenza do seu compañeiro, si contestou á Fiscalía e á Avogacía do Estado. Con todo, ningún dos dous responderon á acusación popular Vox. Cadena comezou o seu interrogatorio enumerando todas as resolucións do Tribunal Constitucional que declararon ilegais as leis de desconexión e de referendo e preguntando ao acusado se as coñecía. Forn contestou que si, que non discute a autoridade do tribunal de garantías e quixo deixar claro que as acatou, pero que o seu compromiso político estaba coa consulta independentista.

"O meu compromiso político é de apoio ao referendo, sempre o foi, pero tamén o diferenciaba moi claramente das miñas competencias como conseller. Da mesma maneira que defendía o referendo, deixaba en mans dos Mossos o cumprimento de todos os mandamentos xudiciais", explicou, tras o que remarcou que "ningún acto dos Mossos foi contrario á Constitución".

Neste sentido, Forn negou que el ou o ex-presidente da Generalitat Carles Puigdemont desen algunha "instrución política" aos Mossos d'Esquadra "para que incumpran as súas funcións" e "se adhiran á decisión política do Goberno". "Estou de acordo en defender o referendo, pero non utilizo os medios do departamento de Interior. Só digo aos Mossos que tiñan que cumprir as súas funcións de policía xudicial e cumprir co que mandaba a Fiscalía e o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña", precisou posteriormente ante as preguntas da representante do Estado.

Iinsistiu en que a celebración dunha consulta así non está tipificada como delito no Código penal. Forn continuou relatando que cando foi nomeado conselleiro, en xullo de 2017, reuniuse con Puigdemont e transmitiulle que "apoiaba o compromiso do referendo", pero advertiulle que era "consciente" de que podería haber "algún requirimento" da Fiscalía para impedir a organización da consulta e que os Mossos "terían que cumprir". "Díxome que o entendía e que non me preocupase", manifestou. Neste sentido, o representante do Ministerio fiscal tamén quixo saber a opinión do acusado sobre o cesamento de tres conselleiros do Goberno catalán no verán de 2017 -Forn substituíu a Jordi Jané-, sobre se o fixeron porque rexeitaban "a unilateralidade e o referendo" ou se algún deles foron destituídos por mostrarse contrarios á votación. Forn contestou que aínda que esa sexa a "interpretación" do Ministerio Público, non cre que sexa así porque "todos foron a votar".

Unha resposta que provocou as risas dalgúns dos asistentes da sala e que levou a intervir a Manuel Marchena: "A lei prohibe xestos de aprobación, risas e se o fan serán desaloxados. Manteñan o respecto ao acto de interrogatorio", dixo.

O 1-O, o maior dispositivo dos Mossos

Sobre o 1-O, Forn destacou que a "mobilización" da Policía Autonómica ese día foi a "máis importante" de todos os tempos, mesmo "máis que nos atentados" de Barcelona o 17 de agosto do 2017. O incremento do número de axentes debeuse ao cumprimento dunha orde da Fiscalía como policía xudicial.
Segundo un documento mostrado a petición do seu avogado, Javier Melero, a instrución era a disposición de 40.000 policías, algo que o maior dos Mossos, Josep Lluís Trapero, díxolle que era imposible cumprir. Así mesmo, indicou varias veces que o número de axentes da Policía Nacional nunca se concretou antes do 1-O, senón que a cifra coñeceuna posteriormente, unha vez aberta a causa.
Forn tamén sinalou que non asistiu ao centro de control do dispositivo policial, polo que determinada información e os incidentes que se produciron ese día coñeceunos coa lectura posterior de informes, pero non de primeira man. Ao seu xuízo, as actuacións dalgúns axentes dos corpos estatais non foron acordes ás pautas que se deron, e que iso foi posto de manifesto mesmo en comunicados feitos públicos polos sindicatos maioritarios dos Mossos.

 


Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/02/2019