Formoso apela ao respecto e Caballero chama a votar "en liberdade" e sen presións
A loita pola secretaria xeral dos socialistas galegos entra na súa recta final. Este martes Gonzalo Caballero non quixo incidir nos reproches que nas últimas horas fixo a Valentín Formoso, o seu rival primarias. Pero González Formoso si que lle contestou. Animouno a deixar atrás as confrontacións persoais.
Formoso mantivo este martes unha reunión co secretario xeral de UXT-Galicia, José Antonio Gómez, onde foi preguntado pola campaña para liderar o partido e tamén as críticas de Caballero á súa ausencia no congreso de Valencia. "Participamos as delegacións provinciais, en cumprimento dos estatutos do partido", aclarou Formoso, que explicou que se tratou do "congreso da unidade, do positivismo, da reafirmación do proxecto socialista e onde saímos máis fortes que nunca".
Por iso retoma o seu argumento, novamente preguntado polas críticas de Caballero, de que o discurso "unánime" de todas as federacións, expresidentes e presidente actual, Pedro Sánchez, é o da "unidade, de respecto interno para que nos respecten no exterior".
"Creo que se algún compañeiro, por moi candidato que sexa, non entendeu nada do que pasou en Valencia a última fin de semana, terá que analizalo porque se non teremos un problema", engade.
Formoso seguirá falando respetuosamente neste proceso de primarias, manifesta, porque se trata de confrontar proxectos e non persoas nin compañeiros: "Hai que sumar ás persoas, integrar, contar con todo o talento que ten o PSOE, estamos para sumar e aínda con aqueles que pretendan restar no proceso de primarias".
Caballero, pola súa parte, pediu "liberdade" nas votacións e que "non exista ningún tipo de indicación, de instrución ou de presión por parte de ninguén" á hora de que a militancia fale.
Neste sentido, Caballero reclamou un "voto masivo" e asegurou que encara este proceso con "ilusión e ganas", xa que percibe que a militancia do PSdeG "quere seguir avanzando pola esquerda".
Caballero sostivo que el encabeza un "proxecto maioritario" que ten como "referencia" aos expresidentes da Xunta Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe, que fixeron a "mellor xestión política" á fronte da Xunta.
Reiterou así que o seu proxecto concorre á reelección en "clave de esquerdas, feminista, progresista e ecoloxista" a fin da "acertar no proxecto de futuro para Galicia".