CRTVG

Buscar

'Galicia cardioprotexida': formar os cidadáns nas manobras de reanimación, obxectivo no día da Medicina de Urxencias

Publicado o 24/05/2021 14:23

Os especialistas en Medicina de Urxencias e Emerxencias celebran esta semana o seu día mundial, e quixeron saír á rúa para concienciar os cidadáns na importancia de aprender técnicas básicas de reanimación. Máis do setenta por cento das paradas cardiorrespiratorias prodúcense na rúa ou na casa, sen sanitarios cerca. Saber como darlles unha atención precoz pode salvar vidas.

Din que axuda facelas ao ritmo dos Bee Gees, da Macarena ou de Bob Esponxa. E definitivamente ao que axudan as compresións no centro do peito é a manter con vida unha persoa en parada cardiorrespiratoria.

"A maioría das paradas cardíacas prodúcense fóra do ámbito sanitario", afirma o presidente da Sociedade Galega de Medicina de Urxencias e Emerxencias, José Manuel Fandiño. Nestes casos, que calculan que son máis do setenta por cento, "só coas nosas mans podemos salvar unha vida", engade. 

E por iso a Semes, o 061 e o Colexio de Médicos da Coruña saíron á rúa para formar nas manobras básicas de reanimación e o uso de desfibriladores. Foi nun acto na praza do Obradoiro en Compostela, co lema: "Galicia cardioprotexida: un Camiño con corazón". A el citaron alumnos destacados: autoridades e rostros coñecidos da ciencia, a cultura ou o deporte. Un deles, o exfutbolista Donato, que insistiu na importancia de "ter coñecementos que permitan salvar vidas".

Da mesma opinión, a actriz Isabel Blanco: "Se dun cidadán de a pé depende salvar unha vida, tes que saber como actuar", comentaba.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, agraceu "moito" a formación recibida, que atopou "vital".

Recoñecer unha parada cardíaca, chamar a emerxencias inmediatamente e dar o soporte vital básico mentres non chegan os sanitarios. É o protocolo que aprenderon e que pode marcar a diferenza en situacións críticas en que cada minuto conta.

 

Noticias web

24/05/2021