Forestal do Atlántico traballa na fabricación dun combustible sintético libre de emisións de CO2
Forestal do Atlántico anunciou o seu último proxecto, a creación dun combustible sintético libre de emisións de C02. A empresa galega, situada en Mugardos, prevé que nun prazo de dous ou tres anos estean operando as novas instalacións onde se sintetizará este produto. A compañía asegura que estes combustibles xa existen no mercado, pero o que se produza na ría de Ferrol se distinguirá pola súa marca ecolóxica.
Andrés Fuentes Martín Corral, director xeral de Forestal do Atlántico, asegura que "a singularidade do noso son as materias primas e a forma de fabricar, de sintetizar quimicamente ese produto, utilizando enerxía cen por cento renovable e capturando CO2. Por conseguinte, estamos deixando de emitir á atmosfera, por iso os nosos combustibles teñen cero emisións netas".