CRTVG

Buscar

Forcadell sae de prisión e di que "garantiu a liberdade de expresión do Parlament"

Publicado o 11/11/2017 09:45

O xuíz deixa en liberdade a presidenta do Parlamento Catalán, despois de que pagase a fianza de 150.000 euros, coa obriga de comparecer cada semana ante un tribunal

Carme Forcadell xa está en liberdade. A presidenta do Parlamento catalán abandonou a mediodía o cárcere de Alcalá Meco logo de pagar os 150.000 euros de fianza. A súa defensa pediulle ao Supremo que asuma tamén a causa que se segue na Audiencia Nacional contra os ex-membros do Goberno da Generalitat.

Carme Forcadell abandonaba Alcalá Meco pouco despois das dúas da tarde. A presidenta do Parlamento catalán pasou case 15 horas en prisión, ata que a Asemblea Nacional Catalá depositou os 150.000 euros de fianza que lle impuxo o xuíz. Antes, o seu avogado entregara o seu pasaporte: Forcadell non poderá saír de España e terá que comparecer cada semana nun xulgado. O xuíz Pablo Llarena atribúelle a Forcadell un papel de liderado en todas e cada unha das fases do proceso independentista, pero valora que tanto ela como os outros membros da Mesa investigados se comprometeran a non volver sair do marco constitucional. Lémbralles, por se acaso, que se o fan, irán a prisión.

A propia Forcadell resume a súa declaración de xeito ben distinto: di que o que fixo ante o xuíz foi defender da liberdade de expresión do Parlamento. Os outros catro membros da mesa teñen unha semana para pagar 25.000 euros e librarse así da cadea.

O sexto investigado, para quen non hai medidas cautelares, Josep Joan Nuet, non cre que o dos seus compañeiros fora unha rectificación. 
O avogado de Forcadell pediulle ao Supremo que asuma tamén a causa da Audiencia Nacional contra os ex-membros do Goberno catalán. Varios deles xa cambiaron de avogado e estudan solicitar unha nova declaración ante o xuíz.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/11/2017