CRTVG

Buscar

Fóra de perigo o vixilante de seguridade acoitelado no hospital de Lugo

Publicado o 03/02/2020 10:58
Fóra de perigo o vixilante de seguridade acoitelado no hospital de Lugo

O home detido onte despois de asestarlle dúas puñaladas a un dos vixiantes de seguridade do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) permanece nos calabozos da Comisaría Provincial de Lugo, do mesmo xeito que a súa parella, á espera de pasar nas próximas horas, previsiblemente mañá pola mañá, a disposición xudicial por un presunto delito de homicidio en grao de tentativa.

A vida do vixiante de seguridade non corre perigo, segundo informaron fontes do propio hospital, aínda que permanece ingresado en observación para comprobar a evolución das súas feridas, tanto no brazo como no costado.

Fontes da Policía Nacional confirmaron que o home se presentou moi alterado no HULA, despois de que a súa parella fora detida onte, arredor das 17:00 horas, por unha patrulla da Policía Local na zona de San Roque, como investigada por "resistencia e desobedencia" á autoridade.

De feito, a muller foi trasladada ao HULA para ser sometida a unha "avaliación psiquiátrica".
Alí presentouse "a súa parella sentimental" a última hora da tarde, un home que se mostrou en todo momento "moi inquieto" e que non paraba de moverse.

Cando tentou acceder ás instalacións sanitarias para ver a súa parella, o vixilante que lle cortou o paso recibiu "dúas puñaladas, unha no costado esquerdo e outra no brazo".

Con todo, non puido avanzar máis, porque varios axentes da Policía Local e da Nacional que estaban nese momento na entrada de urxencias "abalanzáronse sobre el, desarmárono, reducírono e detivérono".

De alí foi trasladado aos calabozos da comisaría provincial, onde tamén pasou a noite a súa parella sentimental.

Os axentes encargados do caso están aínda completando as dilixencias de investigación de modo que, previsiblemente, o detido non pasará ata mañá pola mañá a disposición xudicial, segundo confirmaron fontes do Corpo Nacional de Policía.

Farao, en todo caso, como investigado por un suposto delito de homicidio en grao de tentativa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí