Fonda preocupación do Goberno español polo asalto ao Capitolio
O Goberno español di que está fondamente preocupado polo que considera "a consumación dun asalto á democracia" nos Estados Unidos. Para a ministra de Asuntos Exteriores, Arancha González, extráese unha gran lección do acontecido, "que é a fraxilidade da nosa democracia e a necesidade de coidala, de preservala e de reaccionar ante intentos de debilitar as súas institucións".
Ademais, os partidos políticos españois aproveitaron o asunto para lanzar críticas aos adversarios. Tras condenar o acontecido no Capitolio, o presidente do PP Pablo Casado asegurou que "os partidos que intenten xustificar os asaltos ao Parlamento de Cataluña ou ao Congreso dos Deputados, pero critiquen o asalto ao Capitolio non terán ningunha credibilidade".
Na mesma liña manifestouse a presidenta de Ciudadanos. Para Inés Arrimadas, "o que non se pode facer é repudiar e condenar o que se está producindo nos Estados Unidos e defender o intento de asalto ao Parlamento catalán ou Rodea o Congreso. Aínda que sexan cousas diferentes, condénanse as dúas".
Pola contra, o voceiro de Podemos Rafael Mayoral acusou a quen intente igualar "aqueles que defenden a democracia contra aqueles que a atacan" de seren "cómplices dos ataques á democracia".