CRTVG

Buscar

A inminente folga de transportistas deixa Portugal sen combustible

Publicado o 11/08/2019 15:07

Pois nas localidades da raia xa se nota a crise dos combustibles. As estacións de servizo de localidades como Tomiño ou Tui están vendendo estes días moito máis combustible, xa que en moitas cidades lusas a gasolina e o gasóleo xa escasean. A partir de mañá os condutores que se acheguen ás gasolineiras portuguesas non poderán adquirir máis de vinte e cinco litros.

As colas volven á proximidade da vella ponte internacional de Tui, nesta gasolineira que xa ofrecía esta imaxe pouco antes das once da mañá. A proximidade da fronteira e os elevados prezos no país veciño fan que ter unha estación de servizo na raia sexa sempre un bo negocio, pero estes días máis.

A desolación é a tónica dominante da outra beira do Miño. Aquí en Valença xa preparan os carteis para mañá, data en que principia a folga dos transportistas de mercadorías perigosas en Portugal e o goberno só permite vender 25 litros a cada vehículo.

Este veciño do Porto xa carga combustible en Tomiño para toda a semana e para toda a súa familia
Todos lembran con horror a última crise enerxética vivida en Portugal en abril que deixou problemas en aeroportos e no transporte público, e moitas gasolineiras baleiras.

O goberno portugués declarou emerxencia enerxética o xoves pasado e non desbota tomar medidas máis radicais. A semana que comeza serán moitos os galegos que se dirixan a Portugal co gallo dos festivos da Virxe e San Roque.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/08/2019