Folga indefinida en Alcoa contra os despedimentos e o peche da factoría
Esta semana, Xunta e Goberno reuniranse cos traballadores de Alcoa para perfilar unha resposta conxunta á multinacional. Os traballadores comezan semana en folga indefinida. O obxectivo é protestar polo proceso de despido colectivo en marcha e para reivindicar a continuidade da factoría. A decisión de ir á folga fora adoptada por unanimidade nunha asemblea.
Desde as 6 da mañá os traballadores de Alcoa iniciaron o último pulso á multinacional cunha folga indefinida. Atrás quedan semanas de mobilizacións e manifestacións, mesmo de cortes de estradas. Os traballadores din que tentan evitar un suicidio colectivo, xa que está pendente o posible despido de 534 empregados da planta de aluminio primario de San Cibrao.
"O ere ten como prazo máximo o día 13 para tomar Alcoa unha decisión e, unha vez que tome a decisión de executar os despidos, supoño que tanto o Goberno central como a Xunta de Galicia cumprirán a súa palabra, intervirán coa Sepi a empresa e volveremos ser públicos antes de ser vendidos a Liberty House", explica José Antonio Zan, presidente do Comité de Empresa.
A folga afecta uns mil cen empregados, máis de cincocentos da planta de aluminio e outros tantos da de alúmina. Os operarios pretenden que non saia produto elaborado da fábrica, pero ao mesmo tempo evitarán que paren as cubas de eloctrólise, xa que iso podería significar na práctica a fin da empresa.
"O que acordamos para este tipo de folga foi que non saíse nada de aluminio, que se baixase a produción de alúmina a 1500 toneladas e que non saíse tampouco nada de alúmina, só e exclusivamente a alúmina florada que é necesaria para as farmacéuticas e para as potabilizadoras", matiza Xosé Paleo, voceiro da CIG.
A sensación de que a multinacional estadounidense Alcoa "actúa de mala fe" é xeneralizada. Non aceptou a oferta da británica Liberty para vender a factoría nin a da Sepi. Agora os traballadores cifran a súa esperanza na intervención pública da factoría.