CRTVG

Buscar

Soterran en Xermade a menor que apareceu morta na parroquia de Muimenta

Publicado o 05/05/2019 21:41

Os investigadores traballan coa posibilidade dunha intoxicación de pastillas, pero polo momento non se desbota ningunha hipótese arredor do falecemento. Os resultados preliminares da autopsia xa foron enviados á xuíza encargada do caso.

O corpo da pequena atopada morta na súa casa de Muimenta, en Cospeito velouse neste tanatorio de Vilalba as últimas 24 horas. De alí partiu cara ao cemiterio parroquial de Roupar, no municipio veciño de Xermade, onde tivo lugar o soterramento. É a parroquia natal do seu pai e onde residen tamén os seus avós paternos.

O caso está a cargo do xulgado número 1 de Vilalba, que decretou o segredo de sumario. Transcendeu nas últimas horas que unha das hipóteses coa que traballan os investigadores é a da intoxicación, tras acharen unhas pastillas que tomaba súa nai para tratar un trastorno psicolóxico.

Os axentes seguen a pegada dun líquido de cor escura nunha botella de auga que adoitaba beber a cativa, e que podería conter máis medicamentos. Os axentes recolleron varias pezas de roupa, pero non localizaron o pixama da nai, importante porque durmiu esa noite coa súa filla.

Ante a ausencia de sinais de violencia, a Garda Civil considerou que se trataba dunha morte natural. Agora será a autopsia a que poida botar luz arredor desta morte. Os resultados preliminares xa foron enviados á xuíza.

Polo momento, non se produciron detencións. A nai da menor continúa ingresada no hospital de Lugo en estado de shock, mentres a maxistrada espera que mellore o seu estado para poder tomarlle declaración. A avoa quedou en liberdade tras declarar o venres no cuartel de Vilalba.

Os pais da pequena estaban separados e a nai era quen tiña a súa custodia. Os veciños de Muimenta seguen moi costernados tras coñecer o tráxico desenlace da menor.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/05/2019