CRTVG

Buscar

Fochancas e falta de drenaxe converten nunha piscina o camiño central dunha aldea de Ames

Publicado o 08/10/2020 14:11

En Ames, veciños de Biduído de Abaixo quéixanse do mal estado do camiño central da aldea, sobre todo en tempo de chuvia. Ten fochancas que agrandan coa auga debido a que, por carencia de drenaxe, encora e anégase todo.

En Biduído de Abaixo o camiño que atravesa o lugar non está para présas, sobre todo, se vas nun vehículo. E isto, polo que nos din, non é o peor. Porque cando chove, o camiño transfórmase nun paso acuático. En consecuencia, os fochos crecen e coa seguinte chuvia, a vaira tamén.

"Fai que se nos forme unha piscina e como teñas que vir andando... Un día tiven que ir ata a taberna e molleime ata os xeonllos e, á parte, desgraciamos os coches. Este é o único camiño que temos para saír ou se non ir todo arredor da vía para poder saír á estrada xeral. A min non me parece de recibo que alguén faga isto".

Refírese Concha, veciña do lugar, ao dique de terróns e pedra que outra veciña, Mari Carmen, puxo diante da porta para que non lle vai a auga ao seu espazo. Esta explica: "A auga empoza aquí, pero eu non teño por que collela polo portal. Eu non podo entrar nin saír por aí. Teño que facelo polo lado de baixo sempre. Vostede me dirá! E a entrada principal é esta".

Outro veciño cóntanos que o problema vén de cando o Concello instalou a rede de sumidoiros; o camiño afundiu e ao non deixaren drenaxe para a auga, a chuvia encora de lado da lado, como insiste Mercedes: "Tes que levar catiúscas para poder pasar. Os que van traballar todos os días teñen que dar a volta por detrás, porque por aí non poder pasar".

En Biduído de Abaixo pídenlle ao Concello de Ames que adopte unha solución para frear o estrago do camiño e evitar que cada día de chuvia se faga intransitable.

Noticias web

08/10/2020