Finalizan o miradoiro da Muralla, que permite contemplar desde as Cíes a Santiago
Lousame e Rianxo poden presumir de vistas. Xa se pode visitar o miradoiro da Muralla, un dos últimos proxectos senlleiros para a recuperación do rural galego, que ofrece unha panorámica de case 360 graos.
O miradoiro atópase no monte que leva o mesmo nome, nun punto que separa Lousame e Rianxo:
Comezamos pola ría de Muros-Noia, continuamos pola de Arousa e rematamos na de Pontevedra. Fixamos a vista nos detalles e o Parque Nacional das Illas Atlánticas ao completo aparece ante os nosos ollos, dende Cortegada ata Cíes. Seguimos xirando e somos quen de ver o Pico Sacro e Santiago de Compostela. Estas son as espectaculares vistas que nos ofrece o novo miradoiro da Muralla, que está chamado a ser un dos grandes recursos turísicos de toda a comarca.
"Este é senlleiro, é un proxecto senlleiro. A consellería ten o programa de proxectos senlleiros nos que investimos nestes dous últimos anos dous millóns de euros e aquí se fixo unha actuación que realmente merece moito a pena", apunta José González, conselleiro do Medio Rural.
Para dar a sensación de estar voando sobre o val, construíuse unha plataforma de madeira suspendida no aire.
"É un sitio fermosísimo e hoxe parece que a natureza dixo ímoslle poñer, que hai unha visita, néboa, para que aínda teña un aire máis idílico, bucólico, non", presume con fachenda María Teresa Villaverde, alcaldesa de Lousame.
"Aquí converxen varias rutas de sendeirismo. É moi usado tamén polos ciclistas que tamén fan a súa subida", comenta Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo.
Unha subida de 680 metros, un lugar privilexiado, o elixido polos veciños da contorna para ver os fogos de Apóstolo que se botan dende a catedral.