CRTVG

Buscar

O PSOE comprométese con ERC a solucionar co diálogo "o conflito político de Cataluña"

Publicado o 28/11/2019 21:39

Esquerra Republicana mantén o non á investidura de Pedro Sánchez, tras a primeira xuntanza co PSOE. En dous comunicados distintos, ambos confirman a vontade de retomar a vía do diálogo institucional para solucionar o que os dous partidos chaman "o conflito político de Cataluña". Pero tamén admiten que teñen discrepancias, e convocan unha nova xuntanza para o próximo martes.

A reunión que mantiveron este xoves no Congreso as delegacións do PSOE e ERC para negociar o voto dos independentistas na investidura do candidato socialista á Moncloa, Pedro Sánchez, finalizou pasadas as 19.30 da tarde, segundo informaron fontes socialistas. O encontro durou dúas horas e media. A diferenza de citas anteriores, nesta ocasión a reunión foi entre delegacións máis amplas (tres persoas por cada partido e non dous) e tivo lugar en dependencias institucionais do edificio Ampliación 3 do Congreso dos Deputados e non nas salas de traballo reservadas ao Grupo Parlamentario Socialista.

Seis persoas, tres de cada partido, encárganse das negociacións. Por parte do PSOE Adriana Lastra, José Luis Ábalos e Salvador Illa, do PSC. Por Esquerra Gabriel Rufián, Marta Vilalta e Josep María Jové, o que fora man dereita de Junqueras e imputado pola organización do referendo do 1 de outubro.

Esquerra Republicana acudiu a esta primeira xuntanza co obxectivo de fixar un calendario claro de como será o proceso para falar do problema político de Cataluña. Sen el, aseguran, non se absterán na investidura. E nel queren fixar xa a data para a mesa de negociación entre gobernos posterior.

O PSOE aspira a sacar das negociacións que comezaron este xoves un compromiso claro de abstención na investidura de Pedro Sánchez que lle permita ser presidente do Goberno. E ademais, que Esquerra dea algunha garantía de que despois apoiarán os presupostos.

Nos últimos días, os socialistas van facendo aslgunhas concesións, e xa falan claramente de que en Cataluña hai un problema político.

Polo momento, non transcendeu nada da xuntanza entre os equipos negociadores, que se reuniron pasadas as cinco da tarde.