CRTVG

Buscar

Finaliza a vendima máis produtiva da historia na Ribeira Sacra

Publicado o 21/10/2019 11:00
Finaliza a vendima máis produtiva da historia na Ribeira Sacra

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra acaba de finalizar, despois de 51 días de traballo, a vendima máis produtiva da súa historia, en que case un centenar de adegas recolleron 7,2 millóns de quilos de uva, máis de seis deles da variedade preferente mencía.

Segundo informou o consello regulador, dáse por finalizada "oficialmente" a presente campaña, con 7.262.831 quilos de uva recollidos.

"A vendima de 2019 convértese así na máis abundante da denominación de orixe Ribeira Sacra ata a data, despois de rozar en 2011 os 7 millóns de quilos", aclara o consello regulador, quen tamén destaca que este ano se superou a colleita da pasada campaña en "1,1 millóns de quilos" de uvas.

Así mesmo, destaca o órgano reitor o feito de que se recolleron 6.000.233 quilos de uva mencía, a variedade preferente que se utiliza para elaborar a inmensa maioría dos tintos da Ribeira Sacra.

En canto aos brancos, a variedade godello, con 422.886 quilos recollidos, é a máis abundante.

Ademais, nesta ocasión, "as condicións climatolóxicas foron favorables", de modo que a uva entrou nas adegas nun óptimo estado sanitario.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí