CRTVG

Buscar

Finaliza a costeira do bonito, pero segundo o sector faino demasiado cedo

Publicado o 27/08/2019 15:00

O Ministerio de Agricultura e Pesca decreta o peche da pesqueira do bonito do norte na costa cantábrica e na atlántica. O motivo, o esgotamento da cota concedida a España para este ano.

Os barcos chegaron ao tope das capturas permitidas. Burela é o porto de referencia de desembarco de bonito. No mes de xullo poxáronse máis de seis toneladas por un valor de case 2,7 millóns de euros. O prezo medio do túnido foi de catro euros por quilo. As cifras desta campaña son similares ás do ano pasado, o problema, sinalan desde o sector, é que a costeira remata antes de tempo.

"Foi ben, pero moi curta. Non houbo queixa nos prezos pero, outro ano máis, córtannos a costeira no mes de agosto cando ata hai tres anos duraba ata outubro ou novembro. Sempre nos marcaba o remate da costeira o tempo, a chegada do mal tempo", asegura José Basilio Otero, patrón maior da confraría de Burela.

A conselleira do Mar avoga por un incremento da cota nas capturas do bonito e asegura, Rosa Quintana, que a situación biolóxica permitiría ese aumento.

"Nós entendemos que é un recurso que se atopa en boa situación biolóxica e, polo tanto, o que demandamos é un incremento nas posibilidades de pesca e unha mellor repartición para que, como mínimo, duren ata setembro, di Rosa Quintana, conselleira do Mar.

Este é o segundo ano consecutivo en que se adianta a finalización da costeira do bonito por esgotarse a cota asignada.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/08/2019