CRTVG

Buscar

Fin do Entroido no día do enterro do Meco, con desfiles aínda pendentes polo tempo

Publicado o 14/02/2018 08:36

Os días grandes do Entroido van tocando a súa fin, aínda que moitos lugares aínda se resisten a rematar a festa. Hoxe hai actos de despedida -enterros da sardiña e queimas do Meco- en moitas vilas e cidades galegas, despois dunha xornada festiva que onte estivo marcada pola auga, o frío e a neve.

Cun sombreiro de sete quilos e unha gran nube gris enriba da cabeza, o martes de Entroido celebrouse este ano en Galicia baixo condicións que complicaron pero non impediron a festa.

Entre os máis ancestrais está o Entroido Ribeirao. Na localidade chantadina de Santiago de Arriba consérvase esa esencia de festa pagá, previa á cristianización e relacionada con rituais de fertilidade e chamada ao bo tempo. Os volantes e os maragatos remexen en leiras e hortas con todo tipo de falcatruadas, para asegurar as boas colleitas.

Soaron tamén as chocas dos peliqueiros, que luciron a mitra e amosaron as súas ameazantes zamarras na praza da Picota, en Laza, aproveitando os momentos nos que escampaba. Pero en Manzaneda non houbo estiño, e os folións tiveron que gardar os bombos e as mázcaras, os puchos para centrarse no xantar. 

Nas cidades, a chuvia non foi impedimento. Houbo un gran desfile en Santiago, con comparsas chegadas de toda a comarca. Os choqueiros da Coruña volveron facer gala de sátira e orixinalidade e non falou o humor sempre transgresor dos limiaos, que pasearon ledicia e creatividade polas rúas de Xinzo. As pantallas xa quedaron esta noite colgadas no armario.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/02/2018