CRTVG

Buscar

Fin de semana decisiva para a supervivencia de Theresa May

Publicado o 18/11/2018 09:45

A política británica vive unha fin de semana determinante para o acordo sobre o brexit.  O sector euroescéptico do Partido Conservador tenta conseguir máis adeptos para forzar unha moción contra Theresa May, pero polo de agora a primeira ministra aínda controla a situación.

Theresa May aférrase ao número dez de Downing Street. A primeira ministra está disposta a unha resistencia numantina e polo de agora vai gañando a partida, aínda que a situación podería cambiar en cuestión de horas. Os euroescépticos necesitan a sinatura de 48 parlamentarios para propiciar unha moción contra ela e estímase que nestes momentos contan con entre 21 e 28 partidarios. Aínda que confían no seu éxito final, nas últimas horas son conscientes de que a operación é máis complicada do previsto inicialmente.

Un golpe máis ca simbólico veu determinado por este home, o ministro Michael Gove, un acérrimo defensor do bréxit, que declarou que quedaba no goberno con Theresa May para defender o mellor acordo posible coa Unión Europea. El marcou un punto de inflexión na carreira de apoios que levaban os euroescépticos con vento a favor.

A partir de aí, outros ministros decidiron continuar no goberno. O sector máis duro comezaba o venres sinalando que a primeira ministra era un "cadáver político", pero no seo do Partido Conservador aumentan as dúbidas este sábado porque son conscientes de que existe a posibilidade de abocar o país a unha crise constitucional. En todo caso, se May caese, as guerras internas no partido poderían facer inviable a elección doutro primeiro ministro consensuadamente e iso desembocaría en novas eleccións xerais.

Son demasiadas factores en xogo e, así e todo, algúns analistas sinalan que os dominicais británicos (é dicir, os xornais de mañá) poden inclinar a balanza a favor ou en contra de May coas súas informacións nun contexto de singular incerteza.

Noticias web

18/11/2018