Fin de semana con exames para tres mil opositores ao Sergas
No que vai de ano, 1.640 profesionais incorporáronse ao cadro de persoal fixo do Sergas. A eles sumaránselles tamén os que obteñan praza na oposición que remata este domingo en Silleda.
Haberá unha nova convocatoria, con 680 prazas para máis dunha vintena de categorías no primeiro semestre do 2022.
Algo máis de 1200 aspirantes agardan para facer o exame de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico. Con eles rematan as probas selectivas do Sergas para cubrir 1.311 prazas de 48 especialidades. "Estou desexando que pase, foi moito tempo preparando e estamos desexando facelo xa", di unha moza.
Só na fin de semana había máis de 3.000 persoas convocadas para unha oferta de 190 prazas. Participaron preto do 80 por cento. "Con moitos nervios, pero vaia", afirma unha opositora. "Gustaríame coller a miña praza fixa e traballar do que quero", comenta outra.
O conselleiro de Sanidade pon en valor a incorporación de persoal fixo ao cadro de persoal do Sergas con 1640 profesionais no que vai de ano, dos que 254 son médicos de familia e 93 pediatras de atención primaria.
"Seguimos fortalecendo o servizo galego de Saúde, e no primeiro semestre do ano que vén hai convocadas probas selectivas para o acceso a 24 categorias", asegura Julio García Comesaña.
Neses exames, que se celebrarán no primeiro semestre do ano próximo, hai convocadas 680 prazas.