CRTVG

Buscar

Fin de semana calorosa con temperaturas superiores a 34 graos

Publicado o 16/07/2021 14:15

O aire quente que chega desde o norte de África trae o verán a Galicia: "Ai, xa tiña ganas de que viñera!". "A ver se aproveitamos as festas de Arzúa e pasa a covid−19 e gozamos un pouco do verán, o que queda".

Antes do mediodía xa quentaba o sol. E mañá aínda irá máis calor. Aviso amarelo por máximas de ata 34 graos en Santiago, Arzúa, Melide e ata Betanzos: "Para min é mellor a calor que o frío. Andar co traxe de auga é máis complicado e temos un horario bastante bo, de 8 a 3".

En zonas de Ourense activouse o aviso laranxa para este sábado porque o termómetro pode rozar os 40 graos. E tamén serán altas as temperaturas nas Rías Baixas: "Mellor, porque estes días atrás fixo moito frío, polo menos no Bierzo. Mellor que a temperatura sexa agradable e boa para poderse bañar". "Gústame a calor e faime ben, o que me fai mal é o frío". "Vimos de Asturias, onde a auga aínda non parou e o verán aínda non chegou, así que, aguántase a calor o que faga falta e máis".

Alberto Romero, meteorólogo de MeteoGalicia: "O sábado será o día de máis calor. Teremos avisos por temperaturas de máis de 34 e 36 graos, sobre todo no sur de Lugo, na provincia de Ourense, no sur, Valdeorras, nas Rías Baixas, o Baixo Miño, as temperatras superarán os 34 graos". Se se cumpren os prognósticos, o domingo chegan cambios. 

Alberto Romero, meteorólogo de MeteoGalicia: "No interior fará moita calor, pero hai posibilidade de entrada de brétemas nas Rías Baixas, Costa da Morte. Teremos moi pouco vento e o contraste térmico entre a calor que teñamos no exterior e a temperatura da auga tan fría propiciará a formación de brétemas no litoral".

Noticias web

16/07/2021