Filipe VI pide defender as conquistas da democracia na inauguración do Foro da Toxa
• Feijóo reivindica os 40 anos de democracia "arraigada" en Galicia
• Calviño ve no plan de recuperación unha oportunidade histórica
• O Foro recoñece o labor de Ángel Gurría a prol do multirateralismo
EFE/ Lavandeira Jr
AXENCIAS
O rei pediu este mércores defender os dereitos, liberdades e convivencia conseguidos en democracia fronte a calquera ameaza que poida poñer en risco esas conquistas. Filipe VI lanzou esa chamada na inauguración do III Foro Vínculo Atlántico da Toxa en presenza, entre outros, dos expresidentes do Goberno Felipe González e Mariano Rajoy, da vicepresidenta primeira do Executivo Nadia Calviño, do ministro de Asuntos Exteriores José Manuel Albares e o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo. Tamén estivo presente o exsecretario xeral da OCDE Ángel Gurría, a quen o monarca entregou o primeiro premio que leva o nome do foro.
Ante todos eles, sinalou que a sociedade internacional está a ser testemuña de numerosos cambios na orde xeopolítica global, caracterizada desde comezos de século pola aparición de novos actores, equilibrios de poder e escenarios "que xeran unha maior incerteza e unha maior dificultade na gobernanza en todos os niveis". "Por iso o illamento non é unha boa opción", engadiu antes de precisar que a pandemia de coronavirus e as súas consecuencias propiciaron que moitas desas transformacións sucedan con máis intensidade.
Nese contexto, sinalou, os analistas advirten de que na actualidade hai unha erosión do multilateralismo, o retorno das tendencias proteccionistas, o poder das técnicas de desinformación, a volatilidade da orde internacional ou o decaemento dos valores tradicionais. Fronte a todo iso, considerou que é cando máis hai que facer "para defender a liberdade e os valores que nos permitiron a democracia" e máis hai que avanzar na construción de sociedades abertas.
"O conquistado en dereitos e liberdades, en seguridade, en convivencia e en oportunidades debe prevalecer fronte a calquera ameaza que poida poñer en risco o que tanto custou alcanzar. Non podemos permitir —engadiu— que se asente unha percepción accidental ou conxuntural desas conquistas". Tras esa reflexión, concluíu: "Todos somos parte e temos moito que facer para saír adiante". Para o rei, os novos tempos requiren un reforzado e máis eficaz enfoque multilateral, ante o que cre que é esencial o fortalecemento do vínculo atlántico.
Filipe VI dedicou un capítulo da súa intervención ás consecuencias da pandemia para sinalar que se está nun momento en que hai motivos de inquedanza pero tamén de esperanza, que ligou ao proceso de vacinación. "Agora podemos encarar con máis optimismo, non exento de obrigada prudencia, a fin da crise provocada pola pandemia. (...) A pandemia golpeounos de maneira desigual e, por iso, no momento da recuperación, é preciso ser especialmente sensibles e atentos cos que peor o pasaron", recalcou.
O rei aproveitou a súa intervención para dar os parabéns a Gurría pola distinción que recibiu e para eloxiar o seu labor en favor dunha comunidade internacional máis xusta e equitativa.
Feijóo chama a defender os valores da democracia ante os populismos
O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo reivindicou a democracia, que se atopa "arraigada" en Galicia tras celebrarse este ano o 40 aniversario do Estatuto de Autonomía, e chamou a defender os valores deste sistema de goberno "sen tregua" ante os populismos.
Feijóo advertiu de que "a vitoria democrática nunca é definitiva" e asegurou que este modelo de goberno "debe ser protexido pola súa esencia", que se atopa "na forza das ideas". Nesta liña, apelou a "coidar" os valores en que se asenta este sistema de goberno na acción política cotiá e nos foros de pensamento fronte aos "cantos de sereas" dos populismos e os seus intentos de "facer naufragar a nave democrática". Por iso, insistiu na importancia de celebrar foros como o que acolle a illa da Toxa para tratar os retos e as ameazas da democracia liberal.
O titular do Executivo autonómico tamén subliñou que a democracia representa "o único sistema capaz de reflexionar criticamente sobre si mesmo" e puxo como exemplo a súa aplicación na comunidade autónoma, onde se atopa "arraigada no pobo galego" tras cumprir 40 anos o Estatuto de Autonomía. Así mesmo, o presidente autonómico incidiu en que "a democracia galega soubo combinar unha dose de pragmatismo con outra dose de idealismo". "Os galegos aprendemos que a democracia é fermosa e moi útil. Con ela satisfacemos os nosos desexos de liberdade e, ao mesmo tempo, resolvemos problemas cotiáns e estimulamos o talento individual e colectivo", destacou.
Calviño ve nos fondos europeos unha oportunidade "histórica"
A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital Nadia Calviño cre que España está fronte a unha "oportunidade extraordinaria e histórica" para acometer un proceso de transformación social e económico grazas ao impulso do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
"Estamos nunha nova fase, a recuperación está en marcha e é moi intensa", salientou a responsable económica do Goberno, tras avanzar que "é o momento" de tomar decisións necesarias para construír unha España máis verde, solidaria, dixital, inclusiva e xusta.
Para facer fronte á crise, a ministra puxo en valor a colaboración non só dentro do territorio español, senón tamén con outros países. Neste sentido, lembrou que o mundo enteiro tivo que facer fronte á pandemia e expuxéronse respostas a nivel global.
En concreto, Calviño explicou que desde marzo do ano pasado se impulsaron medidas coordinadas entre todos os países europeos que permitiron que se puidese protexer unha base para a recuperación, con especial atención á salvagarda do tecido produtivo, as rendas das familias, o emprego e a estabilidade financeira. Así, a través desta coordinación da acción de todos os gobernos púidose conseguir unha saída da crise "moi diferente" da anterior crise financeira e proceso de transformación", insistiu a ministra.
A vicepresidenta apuntou que o "símbolo" desta saída diferente á crise é o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia co que España recibirá ao longo dos próximos anos 140.000 millóns de euros procedentes de fondos europeos. Con estes fondos acometeranse un conxunto de investimentos e reformas que terán o obxectivo de impulsar non só a recuperación económica, senón tamén unha transformación e modernización do sistema produtivo para facer fronte aos retos de futuro sobre todo no referido á transformación dixital e á transición verde.