CRTVG

Buscar

Filipe VI chama a Lesmes para dicirlle que lle gustaría estar no acto de Barcelona

Publicado o 25/09/2020 16:45

Desde 1997, o xefe do Estado sempre presidiu a entrega de diplomas aos novos xuíces. Pero este venres, Filipe VI non estaba na Escola Xudicial de Barcelona, unha ausencia á que o presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial se refería nada máis tomar a palabra.

Carlos Lesmes dicía que "sentimos un enorme pesar por esta ausencia. E o noso lamento non só obedece a que se rompe unha tradición de máis de 20 anos, senón tamén e sobre todo porque a presenza da súa maxestade o rei vai moito máis aló do protocolario. Ten unha enorme dimensión constitucional e política"

Fontes xudiciais desvelaron que, rematado o acto, o propio Filipe VI telefonou a Carlos Lesmes para expresarlle que lle gustaría estar na capital catalá.

Fontes da Casa Real confírmanlle á Televisión de Galicia que a chamada do Rei a Carlos Lesmes foi "unha chamada de cortesía co obxecto de trasladarlle a súa felicitación persoal á nova promoción da carreira xudicial, sen consideracións institucionais, respecto do acto celebrado". A ausencia do Rei hoxe en Barcelona está suscitando numerosas reaccións políticas.

A súa non foi a única ausencia, tampouco acudiu o presidente do Tribunal Constitucional nin 15 dos 62 diplomados, algúns deles a modo de protesta.

Cristina Menéndez, número 1 da LXXIX promoción de xuíces, explicaba que "tiñamos a ilusión de culminar este camiño cun acto que hoxe se viu un tanto empanado, ata o punto de contar coa ausencia dalgúns compañeiros de promoción que, por diferentes motivos, se viron desencantados"

Por primeira vez, o acto celebrouse na Escola Xudicial, nas aforas de Barcelona, en vez do céntrico Auditori, en vésperas de que se coñeza a decisión do Tribunal Supremo sobre a inhabilitación de Quim Torra.

 

 

Noticias web

25/09/2020