'Figurando lembranzas': pintar Galicia, pintar América
Ao principio foi o barco. Despois, América. E Ángel Botello pintando o trópico. As cores de México de Arturo Souto. Eugenio Granell nunha caravana que ao pasar deixa pegadas no deserto. É a exposición 'Figurando lembranzas'.
"O que se intentou foi buscar esa pintura que eles facían alá, en América Latina, co pouso da memoria pero tamén co que estaban vivindo", conta a Mercedes Rozas, comisaria da exposición.
Figurando, fabulando lembranzas provén de Luís Seoane. 'Nostalxia', 1944. Porque para lembrar, debuxaba. E tamén observaba a 'Paisaxe da precordilleira arxentina."
Laxeiro exploraba maternidades entre terminadas e sen terminar. E Castelao pintou en Nova York 'O souto dos gatos', un enigmático traballo de gatos aforcados nun castiñeiro.
Maruja Mallo plasmou a luz do Pacífico. "Despois dunha viaxe que fixo con Pablo Neruda a Illa de Pascua", engade a comisaria.
Exiliados pola Guerra Civil, emigrados durante a fame ou pola sede de novos horizontes, deixáronnos a súa ollada de artistas galegos alén do mar...