CRTVG

Buscar

Fevino, o Salón Profesional do Viño, arranca en Ferrol con 200 adegas de toda España

Publicado o 04/06/2019 21:37

As catas son o principal atractivo de Feviño. Encontramos o director dunha delas a piques de comezar, en pleno control de calidade do produto.

"Estamos a comprobar que os viños están á temperatura axeitada. Abrímolos para comprobar que non hai ningún defecto no tapón. Asegurarse de que non vai haber ningunha incidencia que non estea baixo control durante a cata", dixo o enólogo da adega Ponte da Boga, de Castro Caldelas, Rubén Pérez.

Os viños da cata non deben estar excesivamente fríos: a dez graos os brancos e a dezaseis, os tintos. Os participantes son profesionais do sector. Oito de cada dez visitantes desta feira son adegueiros, restauradores ou distribuidores. Viven e gozan do viño. 

"Todos os profesionais do viño son afeccionados. É como se no fútbol un futbolista non fose afeccionado", explicou Rubén Pérez.

Os participantes na cata adoitan coñecer o produto. A proba sérvelles para consolidar a súa opinión.

"Reafirmar a fe no produto que vendes. Se ti lle presentas unha anada moi antiga, o teu distribuidor sentirá maior confianza de que o viño que ten, dentro de cinco, sete ou doce anos, seguirá a ser magnífico", contou Pérez.

A metade das adegas participantes son galegas. Neste Túnel do Viño Galego están representados todos os caldos de Galicia. Este mércores haberá catas de brancos galegos de garda, brancos lexítimos e da Rioxa.




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/06/2019