CRTVG

Buscar

Festas e botellóns ilegais durante a fin de semana

Publicado o 14/03/2021 20:23

A Policía identificou en Verín unha decena de mozos de entre 20 e 30 anos que participaban nunha festa ilegal nun piso da avenida de Portugal. Os participantes xa foron denunciados, pero a Policía investiga se na festa había máis persoas.

Pero esta celebración non foi a única irresponsabilidade da fin de semana. En Barcelona, a Policía actuaba de madrugada nun botellón en que xente de diferentes idades consumía alcol na vía publica sen máscaras e sen distancias de seguridade. Os grupos de mozos tentaron dispersarse ante a chegada dos axentes.

En Linares, Xaén, 733 persoas, a maioría adolescentes, tiveron que ser desaloxadas dun coñecido recinto hostaleiro por participaren nunha festa ilegal cando o local tiña que estar pechado. O xerente deste complexo de ocio enfróntase a unha proposta de sanción moi grave e os clientes a unha denuncia administrativa. O feito xa recibiu a condena dos hostaleiros de Linares, que falan de mancha para un sector que si está cumprindo.

E en Alcudia, Mallorca, unha festa ilegal nun chalé cunha vintena de participantes rematou cun forte cordón policial na zona ao negárense os seus asistentes nun primeiro momento a ser identificados. O seu organizador enfróntase a unha dura sanción por organizar esta festa sen licenza e incumprindo as medidas sanitarias.

Noticias web

14/03/2021