Festas de mozos, xuntanzas familiares..., na rúa teñen claro de onde veñen os contaxios
Santiago suma 75 casos máis nas últimas 24 horas. "Relaxámonos e non cumprimos", dinos unha moza. "Eu prefiro se hai que pechar unha semana, pechar, pero hai que facer algo", coméntanos un hostaleiro.
Seguimos fallando cando nos xuntamos, coa familia ou cos amigos. Os universitarios e as súas festas seguen a estar no punto de mira.
"Sempre hai universitarios con ganas de festa e iso non vai cambiar", dinos outra moza. Outro veciño pregúntase "quen paga as consecuencias" dos botellóns e as festas nos pisos. "Non cumprimos, pregúntalles aos universitarios", comenta outra señora.
Pero na rúa tamen moitos pensan que hai que repartir as culpas. "Nas terrazas a xente está coa máscara baixada", salienta un veciño. Un mozo, pola contra, cre que non se pode apuntar sempre o mesmo grupo. "Si haberá focos nas festas pero non creo que sexa o foco principal", engade outra moza. "Saes á rúa e hai xente que che fuma diante do fociño", quéixase outro señor.
A maioría coincide en que falta concienciación, a pesar de que a cidade vai camiño dos dous meses con restricións sanitarias.