CRTVG

Buscar

Festas adaptadas á situación sanitaria galega na primeira fin de semana de agosto

Publicado o 02/08/2020 21:55

Moitas suspendéronse e as que seguen adiante celébranse nun formato reducido e extremando a seguridade. O coronavirus mudou por completo o mapa das festas en Galicia, pero non conseguiu acabar con el.

Galicia lidera a venda mundial de conservas de peixe e marisco e iso, malia a covid-19, ben merece unha celebración. Con sentidiño e con moitas medidas de seguridade, Vilanova de Arousa saboreou a primeira edición da festa da conserva. Participaron catorce conserveiras e media ducia de adegas, cos mellores viños para acompañar as degustacións.

En Sada, a Feira Modernista durou só un día, pero arredor da Terraza volveu sentirse a música que soaba hai un século e media vila remexeu nos seus armarios para lucir como o facían cen anos atrás.

Este ano os bárbaros do Norte non desembarcaron en Catoira e a romaría de sempre foi outra. No recinto das Torres do Oeste, 300 persoas seguiron o espectáculo Éche o que hai, do Chuso de Catoira, retransmitido en directo a través das redes sociais.

Cambados tería que estar vivindo os días grandes da Festa do Albariño, pero a situación sanitaria obrigou a suspendela. Só se mantivo un acto, a apertura de sobres cos premiados na Cata Concurso Rías Baixas Albariño 2019. O viño Gundián foi elexido como o mellor caldo deste ano.

As festas da Coruña xa non durarán todo o mes, pero mantéñense os clásicos: as Feiras de Artesanía e do Libro e o Festival Noroeste, todo en formato breve e reducido.

Tampouco se puido celebrar este ano en Vigo a tradicional procesión do Cristo da Vitoria, unha das máis multitudinarias de Galicia. Con todo, moitos fieis fixeron o percorrido, coas máscaras e mantendo as distancias, pero coa mesma devoción de sempre. Durante todo o domingo, centos de persoas pasaron pola Colexiata de Vigo, onde os voluntarios os axudaban a colocarse nos bancos para garantir a seguridade. A Confraría do Cristo da Vitoria tamén ofreceu a posibilidade de seguir a novena ou as misas a través de Internet e mesmo unha procesión virtual.

Non faltaron as candeas, como tampouco fallaron os que tiñan que cumprir as súas promesas. Hai máis de 200 anos que se celebra esta procesión e nese tempo só se suspendeu en tres ocasións, unha delas, a deste domingo.

 

Noticias web

02/08/2020