CRTVG

Buscar

Festa coas forzas de seguridade e urxencias para os cativos ingresados no HULA

Publicado o 06/06/2019 13:51

Os cativos ingresados no hospital de Lugo recibiron hoxe a visita dos corpos e forzas de seguridade e dos equipos de urxencias. Puideron subir nos seus vehículos e aprender un pouco máis sobre o traballo destes profesionais. Pero o verdadeiro obxectivo era que os nenos e nenas puideran desfrutar dun día diferente e, como din os organizadores, facelos sorrir.

Garda Civil, policías Nacional e Local, SEPRONA, equipos de rescate... son parte dos corpos que acudiron hoxe ao Hospital Lucus Augusti a visitar e a compartir a mañá cos cativos ingresados neste hospital. Os nenos e nenas pasárono de medo desfrutando dos vehículos, das equipacións e das explicacións que lles deron os profesionais. Os cans de rastrexo tamén fixeron as delicias dos máis pequenos. O que se pretendía era que os menores puideran desconectar da rutina do hospital e pasar unha xornada lúdica e ata formativa.

"Paseino moi ben. Gustoume moito".
"Os cans son moi bonitos, son para rastrexo".
"Hoxe pasámolo ben e foi un día diferente", din os nenos.

A visita estivo organizada pola Asociación Sonrisas, que desenvolve actividades similares por centros hospitalarios de toda España. Insisten en que queren desterrar a imaxe negativa dos hospitais e facer que os cativos desfruten ao máximo por unhas horas. O acto tamén estivo aberto a nenos e nenas de centros educativos para que coñeceran o traballo dos profesionais e o funcionamento do hospital.

José M. Arroyo, asociación Sonrisas: "Queremos que os nenos gocen ao máximo deste día e que sorrían. Eles son os protagonistas e queremos que o pasen ben".

Os participantes remataron a xornada facendo unha foto de grupo cun dron dos que utilizan os profesionais das urxencias e a seguridade no seu traballo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/06/2019