CRTVG

Buscar

Ferrolterra prepara unha gran mobilización para reclamar unha solución para As Pontes

Publicado o 29/08/2019 08:17

• Os transportistas do carbón empezarán unha serie de encerros

• Alcaldes e traballadores están citados en Madrid o 10 de setembro

Os elevados custos dos dereitos de emisión de CO2 levaron a Endesa a parar a produción da súa planta das Pontes. Xa son máis de catro meses sen actividade que empezan a pasarlle factura a unha comarca que vive en boa medida desta empresa. Os alcaldes de Ferrolterra, do Eume e tamén da Terra Chá reuníronse este mércores para reclamar solucións.

Valentín González Formoso, alcalde das Pontes: "Iniciamos unha reclamación conxunta de toda a comarca ao Goberno central e comunitario porque unha instalación que se está adaptando á normativa europea e con 900 empregos directos afectados, non poden facer o disparate de tela parada".

Os transportistas do carbón son os primeiros en mobilizarse, e, como primeira medida, empezarán unha serie de encerros nos concellos.

Manuel Bouza, voceiro dos transportistas do carbón: "Imos ser máis duros do que fomos ata o de agora, sen lugar a dúbidas".

A Xunta reclámalle ao Goberno central que faga unha transición enerxética que non repercuta no emprego.

Francisco Conde, conselleiro de Industria: "Que asuma o seu compromiso coas empresas que si que fixeron os investimentos para adaptarse á normativa de contaminación. Endesa está investindo 217 millóns de euros para cumprir con esa normativa, e hai unha corresponsabilidade do Goberno de dar solucións ao mantemento da actividade na central térmica das Pontes".

Alcaldes e traballadores están citados no Ministerio de Industria o próximo 10 de setembro. Din que levarán a Madrid a súa protesta se non lles dan solucións.





 

Noticias web

29/08/2019