CRTVG

Buscar

Amplo seguimento da folga xeral en Ferrolterra, segundo os sindicatos

Publicado o 10/03/2021 17:03

A folga xeral convocada pola CIG, CC OO e UXT na comarca de Ferrol desenvólvese cun amplo seguimento nos diferentes sectores produtivos, segundo fontes sindicais.

O pequeno comercio pechou as súas portas na zona vella pero o sector da hostalería abriu de xeito parcial. Fontes sindicais aseguran que nos polígonos de Rïo do Pozo e A Gándara, o cesamento da actividade é total.

A presenza de piquetes non provocou incidentes e o despregamento policial foi salientable en zonas como a contorna do hipermercado Alcampo, a superficie comercial de maiores dimensións da comarca.

O seguimento tamén é masivo, segundo as mesmas fontes, na industria téxtil, nos almacéns de loxística e no porto de Ferrol. O transporte funciona con servizos mínimo.

Hoxe como pano de fondo a situación da industria. Navantia, sen carga de traballo ata 2022 e sen noticias dos investimentos comprometidos en modernización; Endesa, cun anuncio de paralización da actividade para xullo; e o peche de Siemens Gamesa nun sector de futuro como é o da enerxía eólica.

Na manifestación conxunta que percorreu as rúas de Ferrol participaron representantes das tres forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia, que reclamaron futuro para a comarca. A mobilización rematou diante do monumento ao 10 de marzo.

Noticias web

10/03/2021