Semana Santa atípica en Ferrol, sen procesións, pero con exposición das imaxes
Nun ano típico estaría en marcha a conta atrás para a bendición multitudinaria do Domingo de Ramos en Amboaxe. A praza presídea hoxe unha gran carpa branca, que a partir do luns mostrará os tronos e as imaxes das confrarías da Mercé e das Dores. Non haberá procesións, pero Ferrol non renuncia á súa Semana Santa.
"Polo menos podemos achegarlles as imaxes á xente e vivir dentro do posible a Semana Santa", explica o irmán maior da confraría da Mercé.
No templo de San Xiao, a confraría do Santo Enterro celebra a cerimonia de recibimento dos novos membros da irmandade. A pandemia non puido coa ilusión e aquí están preparados para vivir unha Semana Santa intensa.
A imaxe do Cristo estará exposta na concatedral durante toda a semana. Ferrol reformula a súa Festa de Interese Turístico Internacional, que este ano tampouco poderá deixar ese grande impacto económico, tan importante para a cidade.