CRTVG

Buscar

Ferrol revive a Festa das Pepitas, declarada de Interese Turístico de Galicia

Publicado o 18/03/2019 21:41

Ferrol revive hoxe a Noite das Pepitas, unha festa que está declarada de Interese Turístico de Galicia. As Pepitas é unha festa con forte arraigamento en Ferrol, conta con máis dun século de historia. Na véspera de san Xosé, as agrupacións musicais da comarca, as rondallas, saían á rúa para cantarlles ás mulleres.

Esta tarde volveron facelo acompañadas, amais, de bo tempo, que animou a moitos a seguir a festa nas rúas. Momentos antes celebráronse no Teatro Jofre os actos institucionais coa irmandade entre os concellos de Mondoñedo e Ferrol e as homenaxes a madriñas e rondallistas. A estas horas estase a celebrar na praza de Amboaxe o festival de rondallas e ao seu remate seguirá a festa polas rúas e tabernas da cidade.

As rondallas bótanse á rúa para vivir, un ano máis, a Noite das Pepitas. Unha festa con fonda tradición en Ferrol e que ten como protagonista a muller representada na figura da madriña da rondalla. Cantarlle á muller na véspera de San Xosé é a esencia desta festa, que está vencellada á tradición musical de Ferrol e tamén á tradición naval dos estaleiros.

Hoxe en día, a festa é un atractivo máis para visitar a cidade. Sábeno ben desde o sector hostaleiro, que fai anos impulsou o repartimento dos chamados "bicos das Pepitas": un doce con forma de corazón. Tras o festival de rondallas na praza de Amboaxe, Ferrol vive unha longa noite de rolda.







 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/03/2019