CRTVG

Buscar

Ferrol pon en marcha un servizo de acompañamento para ir vacinarse

Publicado o 22/04/2021 14:59

Ángeles é veciña de Ferrol e ten dificultades para moverse. Hoxe, un equipo de voluntarios acompáñaa ao ambulatorio a vacinarse contra o coronavirus.

Luís Costas, xenro de Ángeles, explica que tiñan "o problema do ascensor, que non chega abaixo, e entón chamei a Protección Civil e, efectivamente, teñen unha padiola que pode escorrer polas escaleiras e de aí ao centro de vacinación".

Nesta oficina é onde reciben as solicitudes, que deben facerse vía telefónica. Atenden persoas maiores, con mobilidade reducida, pero non encamadas, e tamén con algunha discapacidade.

"Pode solicitalo calquera persoa empadroada en Ferrol que teña algunha deterioración cognitiva ou motriz", comenta Alejandro Santiago, xefe de servizo de Protección Civil de Ferrol, quen engade que "simplemente ten que chamar ao 981320000, fala coa sala de coordinación e recóllenlle os datos".

Un servizo posto en marcha grazas á colaboración entre Protección Civil de Ferrol e a Oficina Municipal de Voluntariado. Xa conta cuns 70 membros e ata o momento realizaron máis de 250 servizos de acompañamento.

O obxectivo: promover e facilitar a vacinación das persoas do municipio que teñen dificultades para asistir á cita.

Noticias web

22/04/2021