CRTVG

Buscar

Ferrol celebra o Día do Libro facendo coincidir a súa feira co 23 de abril

Publicado o 23/04/2019 21:41

Hoxe, 23 de abril, é o Día do Libro, que se celebra por toda Galicia con diversos actos. En Ferrol abriu as súas portas esta tarde a Feira do Libro.

Ferrol celebra o Día do Libro facendo coincidir a súa feira co 23 de abril. Nesta praza da Constitución esta tarde quedaba inaugurada a mostra, en que este ano participan unha ducia de librarías galegas.

O pregón correu a cargo da ferrolá Anxela Loureiro, escritora de literatura infantil e xuvenil, nun acto que contou coa actuación do Real Coro Toxos e Froles. Máis de trinta autores pasarán nos vindeiros días pola feira, onde asinarán exemplares das súas últimas publicacións e manterán encontros co público. Lugar destacado ocuparán as escritoras e obras galegas e en galego.

A Feira do Libro de Ferrol tamén inclúe no seu programa unha chea de actividades e obradoiros pensados para achegar os máis pequenos á lectura. Curiosos e amantes da escrita teñen unha cita ata o sábado nesta feira que está dedicada á lectura, ao libro e á palabra.

As feiras do libro achegan os máis pequenos aos mundos de fantasía e lendas como a de San Xurxo, que se celebra este 23 de abril; son tamén punto de encontro dos autores co seu público. Neste caso a ferrolá Mar Veiga dá a coñecer o seu título 17 días con Sara.

Son, sen dúbida, a mellor maneira de estar ao día das novidades editoriais. Un espazo compartido entre unha ducia de librarías para atender unha variada demanda. Os prezos reducidos e os sorteos de agasallos converten a feira no lugar ideal para celebrar a festa da lectura.







 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/04/2019